The Goote Project, a moeda distópica
- Proxecto fin de carreira
- Escola
- EASD Antonio Faílde
- Ano
- 2012/2013
Neste proxecto defínese o concepto, deseño gráfico e funcionalidade dunha moeda nada da lectura de dúas novelas de ficción distópica: We (Yevgueni Zamyatin, 1921) e 1984 (George Orwell, 1948).
O Goote é a moeda oficial de Oceanía no ano 2036: Unha ferramenta de control para os recursos, distribuídos polo réxime totalitario e belicista do Well-Doer (Benfeitor), e dirixidos aos traballadores do Estado, que están designados baixo números, despersonalizados e carentes de liberdade individual. Todo en beneficio do feliz cumprimento dun dogma baseado no culto ás máquinas, á ciencia, e á aplicación exhaustiva dunha matemática perfecta no día a día.
Cada Goote (Good-Note) é fixado e regulado por un departamento homónimo que forma parte do Miniplenty (Ministerio da abundancia), un dos catro ministerios nos que se articula o Estado.
Establécense os valores en función do ben ou servizo ao que refire cada Goote: Routeport, mobilidade territorial; Safestrong, seguridade e material doméstico; Infoknow, información e formación; Homeostasis, alimentación; e Restsonal, relacións íntimas. Estes valores responden á tipoloxía de cinco grupos nos que se dividen, xerarquicamente, as necesidades de Oceanía. Deste modo abastécese eficientemente cada aspecto a fin de manter o Estado en cohesión e produtivo a través dos seus traballadores.
Por seguridade e funcionalidade todos os billetes Goote inclúen estritas medidas de control, entre elas, dous niveis de lectura de información: Unha visible a simple vista (lugar de emisión, tipoloxía de ben ou servizo, e magnitude deste) e outra unicamente visible baixo luz ultravioleta (un díxito de control, e número beneficiario). A información que contén implica que cada Goote é un documento persoal e intransferible.
Algúns aspectos do deseño reflicten o tipo de ideoloxía imperante en Oceanía. Un exemplo é o símbolo monetario do Goote, que construído a partir da espiral como nexo entre natureza e matemática, é produto dunha evolución tipográfica do 79: número atómico do ouro (Au) e acepción científica deste metal como riqueza e valor de troco universal. Ou a enigmática sinatura do Well-Doer, o único elemento orgánico e trazado a man do documento, que cun aspecto tan preciso e sintético parece máis propio dunha máquina.
De volta ao tempo actual, The Goote Project estuda a relación entre deseño e función dunha moeda (por extensión tamén papel moeda) e como, ao variar o funcionamento e restricións por causas políticas ou sociais, se manteñen certos elementos que a definen inda como moeda. En menor medida reflexiona sobre a progresiva transformación que sufriron os cartos, creados como medio comercial que facilitaba a igualdade entre pobos e convertidos, lentamente, nun fin en si mesmo que ademais semella ser un efectivo método para controlar á poboación.
En definitiva, tenta crear debate ao redor de un elemento gráfico cotián, tan arraigado e necesario na nosa sociedade que semella mesmo de orixe natural, polo que rara vez é reflexionada ou cuestionada a súa elaboración, forma ou función; pero que foi creado polo ser humano e, por tanto, podería ter adoptado outras características, inda posibles e ata necesarias.
Máis información en thegooteproject.com