Premio Josep Albert Mestre para Natalia Crecente e Eva Valle co proxecto Universo Reich
A segunda edición dos Premios Josep Albert Mestre á Investigación para a Mellora da Calidade Educativa para traballos ou experiencias pedagóxicas de docentes concederon o segundo premio á socia Natalia Crecente e a súa compañeira na EASD Ramón Falcón, Eva Valle, polo proxecto Universo Reich.
O proxecto Universo Reich é unha proposta pedagóxica interdisciplinar e intercentros no ámbito das Ensinanzas Artísticas de Réxime Especial. Ao proxecto educativo da academia internacional Cardinais de Vertixe Sonora súmase a Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo, alumnado dos Conservatorios Profesionais de música de Galicia e o Conservatorio Profesional de Danza de Lugo.
A unión de alumnado de música, danza, deseño gráfico e de interiores, serigrafía e fotografía (102 participantes en total), acompañado por unha ducia de docentes de distintas especialidades, permitiu levar a cabo a representación da lexendaria obra «Music for 18 musicians» do compositor americano Steve Reich. Toda unha experiencia de aprendizaxe con ton colaborativo. A peza representouse o pasado 11 de abril dentro do XI Ciclo de Música Contemporáea de Lugo MIHLSons, organizado pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.
Desde a súa creación en 1997 a Confederación de Escolas de Artes Plásticas e Deseño promoveu iniciativas para mellorar as prácticas educativas. Entre elas cabe sinalar a celebración de xornadas, cursos e seminarios, e a convocatoria dos Premios Mestre á Excelencia das Ensinanzas de Artes Plásticas e Deseño que recoñecen cada ano o labor dos alumnos e alumnas no seu proxecto final. Todas estas propostas quixeron cumprir cos obxectivos da Confederación de Escolas de Artes Plásticas e Deseño que queren impulsar a calidade e mellora da educación, así como o desenvolvemento das competencias necesarias na sociedade do coñecemento.
O propósito destes premios é fomentar entre os docentes dos centros, actividades investigadoras e a elaboración de estudos e traballos innovadores que contribúan ao desenvolvemento da aprendizaxe do alumnado, a súa preparación para a súa futura inserción social e profesional e, en definitiva, ao reforzo das capacidades e actitudes requiridas para participar plenamente e de forma responsable na sociedade.