Premios Nacionais de Innovación e Deseño 2019
O pasado mes de novembro coñecemos os gañadores e gañadoras dos Premios Nacionais de Innovación e Deseño 2019, onde cabe destacar a representación feminina e a extraordinaria calidade de todas as candidaturas, segundo afirmaron os membros do xurado.
Os Premios Nacionais de Innovación e Deseño organizados polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, distinguen aquelas persoas e entidades que fixeron da innovación parte da súa estratexia profesional e do seu crecemento empresarial; así como aqueles profesionais que contribuíron ao incremento do prestixio do deseño español e aquelas empresas que demostraron que o uso do deseño é o motor da competitividade.
Dentro dos Premios Nacionais de Deseño, na categoría de Profesionais, o galardón foi para a deseñadora Marisa Gallén Jaime; na categoría de Empresa para Point S. L.; e na categoría de Deseñadores novos para Silvia Fernández Palomar. Mención especial tivo a empresa Fhecor Ingenieros Consultores S. A.
Marisa Gallén Jaime é directora do estudio de deseño Gallén + Ibáñez, foi fundadora de La Nave, presidenta da ADCV entre 1999-2001 e actualmente é a presidenta da asociación promotora da candidatura de Valencia como Capital Mundial do Deseño. Desta deseñadora valenciana, con ampla experiencia no ámbito cultural e unha longa traxectoria profesional, o xurado destacou a influencia do seu traballo na estratexia da empresa, o seu compromiso coa sustentabilidade e o asociacionismo, e a súa capacidade para transmitir os valores do deseño á sociedade mediante o uso de linguaxes contemporáneas ligadas á arte. É a segunda muller en conseguir este Premio, despois de Pati Núñez en 2007.
Silvia Fernández Palomar é unha deseñadora nova madrileña formada en Belas Artes á que lle gusta xogar con distintas disciplinas. É docente no IED, un mundo que a cativa e que utiliza como ferramenta de creación cando traballa como deseñadora. Cun estilo colorido, minimalista e case conceptual, o xurado destacou dela a súa “valentía á hora de compaxinar creatividade e demanda de deseño”.
A cerimonia de entrega dos Premios será en Valencia, como Capital Mundial do Deseño en 2022.