Premios para Cenlitros en diferentes certames
O traballo do estudio Cenlitros, do que forma parte o noso socio Xabier Rilo, vén de recibir varios premios en diferentes certames nacionais e internacionais.
Fotografías: Luis Díaz, Roi Alonso e Cenlitros
En primeiro lugar, os Premios Internacionais de Arquitectura Cubiertas Tejas Verea, impulsados por Tejas Verea e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia recoñeceron a innovadora proposta de sinalización que Cenlitros elaborou para o centro hidrotermal Spasinho, ubicado en Outes. Nela utilizaron tella chá como soporte informativo sobre a que grabaron os textos mediante chorreo de area, e posteriormente foi fixada mecanicamente sen adhesivos. Escolleron esta peza como vínculo coa auga e cos materiais naturais que implica o percorrido termal. O xurado destacou a complexidade técnica do sistema de encaixe, adaptable a parede, teito e diferentes laterais da tella.
Por outra banda, o complexo Alto Residencial de Santiago de Compostela, do estudio Carbajo y Barrios, no que Cenlitros tamén deseñou a sinalética, recibiu o Premio de Arquitectura e Rehabilitación Galicia 2025, na categoría de Arquitectura. O xurado valorou a proposta pola súa simplicidade e polo aproveitamento dos recursos, conseguindo unha solución residencial exemplar. Para a sinalización crearon unha tipografía e uns pictogramas tomando como referencia o panelado das zonas comúns, reproducindo a linguaxe gráfica mediante tapóns negros de goma. Recordemos tamén que este traballo de sinalética levou un Premio Laus en 2024.
Neste mesmo certame, o traballo realizado para a Churrasquería Varela en Pontevedra, rehabilitada tamén polo estudio Carbajo y Barrios, recibiu Mención na categoría de Rehabilitación. Neste caso, o xurado destacou a fórmula de circulación do persoal e da clientela, así como a recuperación de mobiliario do edificio orixinal. Para este proxecto, Cenlitros realizou o deseño gráfico, a sinalética, o mobiliario e o menaxe.