• Acerca da DAG
  • Novidades
  • Proxectos
  • Socios e socias
  • Foro
    • GL
    • ES
actividades dag
23-02-2021 12:55:24

Iniciamos os preparativos para a celebración do FEED e o ENAD en Santiago de Compostela

A que será a 6ª edición do Foro de Edición e Deseño e a 9ª do Encontro Nacional de Deseño xa teñen datas. Os dous eventos terán este ano unha programación continua e sucederán entre o 14 e o 16 de outubro. Santiago de Compostela é a cidade elixida para acoller as actividades incluídas no programa.

Twitter icon Twitter Facebook icon Facebook

A Asociación Galega de Deseño prepara unha nova edición do FEED e asume a organización do ENAD, en colaboración coa Rede Española de Asociacións de Deseño. Será unha boa oportunidade para o encontro, intercambiar experiencias, opinións e coñecementos, pero sobre todo para seguir avanzando no recoñecemento do deseño como un factor esencial para o desenvolvemento social, cultural e económico.

Tanto o FEED coma o ENAD seguirán a ter programas independentes con enfoques diferenciados, os dous comparten obxectivos e terán, este ano, continuidade no tempo. Ambos eventos poñerán o foco, durante 3 días, no deseño. Dáse a curiosa coincidencia que tanto o ENAD coma o FEED  botaron a andar aló polo 2013. Este ano xuntarán os seus camiños para dar continuidade ao seu traballo en prol do deseño.

O FEED é un evento bianual organizado pola Asociación Galega de Deseño, un espazo de encontro entre profesionais do deseño e estudantes das distintas disciplinas. É, hoxe, un evento de referencia para o sector do deseño en Galicia. Polas súas 4 edicións, 5 se contamos o precedente do FEET, pasaron referentes como Andreu Balius, Xènia Viladàs, Javier Cañada, Raquel Pelta ou Coca Rivas, deseñadores e deseñadoras cunha traxectoria marcada polo bo facer como Fruto DS, Marta Verde, Elena Urizar, Danny Saltaren ou Sara Regal, sen esquecer ás asociadas que mostraron o valor do noso deseño (Pepe Barro, Marcos Dopico, Uqui Permui, cenlitros, Pancho Lapeña, desescribir, Óscar Otero, Álvaro Valiño, Lois Guillán, Costa ou María Ramos). Nesta ocasión, o FEED concentrará a súa programación de presentacións e obradoiros nunha soa xornada, na que estudantes e profesionais poderán participar e compartir experiencias.

O Encontro Nacional de Deseño deste ano, o 9ENAD, tamén se celebrará en Galicia, en Santiago de Compostela. Os ENAD teñen cada ano unha temática diferente, este ano «Deseño e territorio» será o eixo temático. O programa incluirá conferencias, proxectos, actividades e mesas de traballo, que se distribuirán en dúas xornadas. Será a ocasión perfecta para o encontro da comunidade de deseño, contando coa presenza de representantes de institucións públicas de ámbito nacional e internacional, de empresas e outros organismos cos que READ traballa en diferentes proxectos.

Dende DAG e READ xa estamos traballando na preparación e organización dos encontros e seguiremos informando de novidades e avances na programación.

Asociación Galega de Deseño

Centro sociocultural A Trisca (2º andar)
Corredoira das Fraguas, 92
15703 Santiago de Compostela

Teléfono: 691 230 421
Mail: info@dag.gal

Síguenos tamén en:

  • Twitter icon
  • Facebook icon
  • Instagram icon
  • YouTube icon

DAG é membro de

Foro DAG Aviso legal Colofón RSS

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, recordámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.