Primeira exposición da obra do deseñador Víctor Moscoso no noso país
A Fundación Luis Seoane inaugura hoxe, mércores 14 de abril, a mostra «Moscoso Cosmos». Trátase da maior retrospectiva do traballo realizado por Victor Moscoso, un dos deseñadores máis influíntes do século XX.
Victor Moscoso, que desenvolveu toda a súa traxectoria profesional nos Estados Unidos, ten as súas raíces en Galicia (Vilaboa, A Coruña 1936). A súa obra, marcada por un estilo moi persoal, volve á súa terra de nacemento para recibir o recoñecemento como referente histórico do deseño. A exposición presenta un universo visual no que a psicodelia, o espíritu underground e a superposición de cores e formas teñen un papel protagonista.
A mostra reúne a súa serie de carteis para bandas de rock psicodélico de finais dos 60, as súas colaboracións en varios números da revista Zap Comix, e unha selección de cubertas de discos, cómics, ilustracións e fotografías. Inclúe ademais un espazo no que se proxectarán algunha das súas animacións e unha sala adicada aos seus carteis cinéticos.
O propio Moscoso é partícipe da exposición, para a que deseñou o cartel promocional, exercendo tamén como director de arte do libro editado para a ocasión. O libro, con preto de 200 imaxes, conta cunha introdución do crítico de deseño Steven Heller e un ensaio biográfico do comisario da exposción David Carballal.
Tras o seu paso pola Fundación Seoane na Coruña, a exposición pasará polo MUSAC de León e o Centro Niemeyer de Avilés.
A Fundación Seoane acolle ademais, nestes momentos, a exposición «Lolita Díaz Baliño. A realidade soñada», a primeira mostra antolóxica dedicada á obra da ilustradora coruñesa, que estará aberta ao público ata setembro.