Primeira edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño
A Axencia Galega de Innovación convoca a profesionais e empresas vencelladas ao deseño e á innovación en Galicia para que presenten as súas candidatura aos Premios Galicia de Innovación e Deseño.
Os Premios Galicia de Innovación e Deseño queren recoñecer o traballo de profesionais e empresas que contribúen á mellora do sector do deseño en Galicia e, tamén, o labor de persoas e empresas galegas que apostan claramente pola innovación na súa estratexia empresarial.
Estes novos galardóns queren recalcar a importancia da innovación e o deseño como factores estratéxicos fundamentais para o desenvolvemento económico e social en Galicia. O certame, nesta primeira edición, conta con 6 categorías, 3 no apartado de Innovación (Traxectoria Innovadora, Grande Empresa Innovadora, Pequena e Mediana Empresa Innovadora) e outros 3 no apartado de Deseño. Os premios de Deseño recoñecerán a unha persoa ou equipo profesional do deseño, a unha empresa consolidada que incorporase o deseño á súa estratexia empresarial e a unha persoa nova cunha traxectoria destacada como profesional do deseño.
As candidaturas deberán ser presentadas por medios electrónicos a través do formulario normalizado na sede electrónica da Xunta de Galicia. As persoas e empresas interesadas en presentar a súa proposta teñen de prazo ata o día 9 de decembro.