PRO-DAG, a base de provedores para deseñadores/as
A DAG, Asociación Galega de Deseño, acaba de facer pública PRO-DAG, unha base de datos onde consultar provedores de produtos ou servizos relacionados coas tarefas de deseño.
PRO-DAG pretende ser unha ferramenta útil para que os deseñadores e as deseñadoras localicen dun xeito fácil e rápido o contacto daquel profesional que necesitan para o seu proxecto. Na súa creación colaboraron todos os socios da DAG introducindo os datos daqueles provedores cos que traballan habitualmente.
A base de datos permite visualizar a lista de fornecedores por orde alfabética, e tamén realizar procuras filtrando polo lugar ou por algunhas das 17 categorías que existen: Impresión, Ilustración, Vídeo-Fotografía, Marcaxe e rotulación, Serigrafía, Merchandising, Carpintaría, Marketing dixital, Animación, Encadernación, Programación Web/Móbil, Servizos Xurídicos, Motion Graphics.
Tras esta fase inicial realizada a nivel interno, PRO-DAG estará dispoñíbel para o público xeral cunha licenza Creative Commons na páxina da asociación. De acordo coa vocación colaborativa coa que naceu, a idea agora é que a base continúe medrando coas achegas de todos os seus usuarios.
Aquelas persoas interesadas en facer suxestións acerca de novos provedores ou en facer correccións ou modificacións relativas aos datos que figuran na base, poden escribirnos a info@dag.gal.