Profesionais de Vigo e Santiago protagonizan a cápsula de primavera do festival de deseño #follow
O festival #follow, unha iniciativa de Álex Rico nacida en 2020, comeza o mes de abril publicando as súas stories de deseño e creatividade. As protagonistas, nesta ocasión, son profesionais que traballan dende as cidades de Vigo e Santiago de Compostela. Do 1 ao 4 de abril, a web do festival presentou os vídeos gravados en dous espazos de referencia para o deseño en Galicia, Sirvent e a Fundación DIDAC.
As pezas presentadas, que están dispoñibles para a súa visualización en liña, presentan o traballo de profesionais e empresas de deseño en distintas disciplinas e dende distintas perpectivas, onde os procesos, a creatividade e os propios proxectos son tamén protagonistas.
Esta cápsula preséntase como un aperitivo da Galicia Design Week, que terá lugar no mes de xuño. Os vídeos compartidos na web do festival contan coa participación de varias socias e socios da DAG, que compartiron as súas experiencias e coñecementos:
- Irene García e Raquel Boo, do estudio Ekinocio
- Xabier Rilo e Ricardo Tubío, de cenlitros
- Carlos Álvarez e Noelia Estévez, de Desoños
- Antonio Doñate, do laboratorio NUMAX
- Xosé García, de Piedrapapeltijera
- A deseñadora e presidenta de READ Uqui Permui
- O deseñador gráfico e programador Iago Barreiro
As pezas audiovisuais tocan disciplinas moi diversas como a moda, a impresión dende unha perspectiva ecolóxica, o paisaxismo, o deseño de produto e industrial, a arquitectura, ou o deseño gráfico, dixital e audiovisual. Nos contidos dos vídeos publicados hai espazo para a reflexión, a divulgación e, sobre todo, para o coñecemento do deseño en tódalas súas formas, unha nova mostra do bo facer das e dos profesionais en Galicia.