• Acerca da DAG
  • Novidades
  • Proxectos
  • Socios e socias
  • Foro
    • GL
    • ES
08-11-2022 12:00:00

Roberto Núñez e Cenlitrosmetrocadrado seleccionados na 8ª Bienal Iberoamericana de Deseño

Entre o 21 e o 25 de novembro celebrarase a semana inaugural en La Central de Diseño, centro cultural Matadero Madrid onde, entre os proxectos seleccionados, poderemos ver os dos nosos socios Roberto Núñez, Ricardo Tubío e Xabier Rilo​.

Twitter icon Twitter Facebook icon Facebook

A Bienal Iberoamericana de Deseño (BID), organizada pola Fundación Diseño Madrid, ten lugar cada dous anos en La Central de Diseño de Matadero Madrid e é a cita mais importante do deseño contemporáneo iberoamericano coa participación de 22 países. 

A BID é unha iniciativa que permite ao público achegarse á disciplina do deseño e a súa contorna, ademais de ser un punto de encontro, por unha banda para a reflexión e o pensamento e, polo outro, para establecer relacións entre profesionais, con empresas do sector e o ámbito académico. Ano tras ano consolídase como un foro para xerar ideas e compartilas. A participación na súa convocatoria ofrece aos participantes o acceso ao Selo BID, marca de calidade e estándar de excelencia e conleva unha serie de oportunidades de visibilidade. 

A exposición central da BID mostra as mellores expresións do deseño recente de Latinoamérica, España e Portugal sobre deseño de espazos e interiorismo, deseño de produto e industrial, deseño gráfico e comunicación visual, deseño de moda, téxtil e complementos, deseño dixital, deseño de servizos e deseños transversais. Un xurado internacional sinalará​ os mellores por disciplina e outorgará​ os premios BID. 

Será nesta exposición onde poderán verse os traballos seleccionados dos nosos socios Roberto Núñez, e Ricardo Tubío e Xabier Rilo de Cenlitrosmetrocadrado. 

Pola súa banda, Roberto Núñez foi seleccionado polo seu traballo de identidade e packaging do viño Maccerato, Viña Almirante, que pon en valor ao ilustre matemático e xeógrafo Domingo Fontán, procedente da comarca onde está situada a adega. A proposta lle rinde homenaxe, comunicando a proeza dun home que ao longo de 20 anos mapeou e percorreu Galicia para crear en 1834 a primeira carta xeográfica da súa terra. Unha historia de traballo e superación vencellada ao territorio e á cultura que conecta coa labor dos viticultores da adega, cartógrafos de emocións de Viña Almirante.

Ricardo Tubío e Xabier Rilo foron seleccionados polo seu traballo OCO. Mobiliario urbano. Unha das vías que decide explorar a marca de prefabricados de formigón Rodiñas, é o desenvolvemento e produción de unha líña de equipamento urbán. A primeira peza que lanza ao mercado é un sistema modular de elementos de asento/descanso producidos integramente en formigón. A solución preséntase como un sistema flexible e adaptable tanto en tamaño, distribución e cor, proporcionando unha grande capacidade de integración nos diferentes contextos de instalación así como unha ampla diversidade morfolóxica e formas de uso. A compoñente modular confírelle a capacidade de crecemento e combinatoria a partir de dúas únicas pezas, producidas cun único molde, o que supón unha considerable redución do investimento inicial necesario.

Máis información
Asociación Galega de Deseño

Centro sociocultural A Trisca (2º andar)
Corredoira das Fraguas, 92
15703 Santiago de Compostela

Teléfono: 691 230 421
Mail: info@dag.gal

Síguenos tamén en:

  • Twitter icon
  • Facebook icon
  • Instagram icon
  • YouTube icon

DAG é membro de

Foro DAG Aviso legal Colofón RSS

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, recordámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.