Roberto Núñez gaña en Londres un dos grandes premios do festival de deseño Pentawards
Roberto Núñez acaba de ser premiado en Londres cun Platinum Pentawards polo deseño de packaging realizado para o viño Perfeccionista, da Bodega Davide (D.O. Rías Baixas).
O xurado dos premios internacionais, considerados como os galardóns máis importantes do mundo no ámbito do deseño de produto, decidiron outorgarlle ao cambadés o gran premio do festival, o Platinum, do que o Best of Luxury, é o mellor proxecto internacional do ano entre fine wines, champagne, gourmet food, perfumes, bebidas espirituosas, make up, body care e beauty products.
Perfeccionista é un viño de edición limitada que ten a súa orixe nunha forma moi persoal de traballar, analizar e entender a naturaleza, a denominada viticultura reflexiva.
Co obxectivo de conectar emocionalmente co consumidor e posicionar o producto como un viño premium con personalidade, ideouse un packaging que pon en valor a idea de imperfección.
E para dotar de máis valor cada produto, as 697 unidades da edición limitada fixéronse diferentes entre si. Cada caixa de madeira quebrouse manualmente sen troquel, e posteriormente foron numeradas cun selo de tinta.
Segundo o propio Roberto Núñez, ''o máis emocionante, é comprobar como a estratexia, o deseño, a creatividade e innovación no sector premium tamén permitiu conquistar o consumidor final. Iso é o máis importante para nós''.
Gañar o gran premio dos Pentawards, tamén fará posíbel que a empresa galega con sede en Barcelona, figure de modo destacado no libro editado por Taschen e Pentawards: The Package Design Book, o referente internacional no deseño e packaging de produto.
O premio Platinum Pentawards é o último recoñecemento do director creativo galego, pero cómpre destacar que hai apenas unhas semanas tamén foi premiado en América cun Communication Arts polo packaging do viño Observador, da Bodega Davide.
E facendo un balance do que levamos de ano, temos que sumar a estes premios o histórico premio británico D&AD, os recoñecementos recibidos nos GRAPHIS de Nova York, e nos premios nacionais ADG-LAUS. Resultados que sitúan a Roberto Núñez Studio como a empresa española de comunicación e deseño máis premiada internacionalmente no que vai de ano.