Roberto Núñez gaña un Wood Pencil nos D&AD Awards polo packaging de “Perfeccionista”, de Bodegas Davide.
Recentemente tivo lugar en Londres a 57º D&AD Awards Ceremony onde se outorgaron os galardóns que ano tras ano premian o mellor da industria creativa internacional.
Roberto Núñez foi premiado cun Wood Pencil na categoría de Packaging Design, en Luxury, polo traballo Perfeccionista, un viño premium de Bodegas Davide, situada en Vilanova de Arousa (D.O Rías Baixas).
Na presente edición dos premios británicos soamente foron 3 os distinguidos na categoría entre as máis de 10.000 inscricións recibidas de 56 países. Entre os 12 finalistas figuraban proxectos feitos para grandes marcas do luxo como Moët & Chandon, Hennessy, Shiseido, ou Jameson.
Perfeccionista é un viño de finca de edición limitada que ten a súa orixe nunha forma moi persoal de traballar, analizar e entender a natureza, nomeada como ‘Viticultura Reflexiva’.
Co obxectivo de conectar emocionalmente co consumidor e posicionar o producto como un viño premium con personalidade, creouse un packaging que pon en valor a idea de imperfección.
E para dotalo dun valor engadido, as 697 unidades da edición limitada fixéronse diferentes entre si. Cada caixa de madeira rompeuse manualmente sen troquel, e posteriormente numeráronse cun selo de tinta.
O proxecto enmárcase dentro da primeira fase do rebranding que Roberto Núñez está a facer á bodega e que polo momento se viu materializado nunha estratexia de produto e de comunicación, nunha nova imaxe corporativa, e no packaging de todos os produtos.
Os traballos premiados formarán parte de The annual D&AD Awards 2019, o libro de cabeceira da industria creativa internacional.