Roberto Núñez gañador de 2 premios Best in Food
A finais de marzo celebrouse en Barcelona a gala dos Premios do Márketing Alimentario Best in Food, que recoñecen os mellores proxectos de comunicación do sector e na que o noso socio Roberto Núñez recibiu dous premios.
O traballo de Roberto Núñez para a adega Ramón do Casar alzouse como o segundo mellor proxecto do ano. O director creativo galego afincado en Barcelona tamén foi galardoado cun Best in Food de bronce, levándose dous dos tres premios da categoría de bebidas.
O novo posicionamento da marca, o restyling da identidade e o novo embalaxe de edición limitada do viño Ramón do Casar Varietal, conseguiron transmitir nunha presentación singular a historia de reinvención e superación persoal que hai detrás da marca. Os inicios da prestixiosa adega galega remóntanse ao ano 1955 e a vida de Ramón, un emigrante galego que, ante a pobreza e a falta de oportunidades da época, marchou a Venezuela para loitar por un futuro mellor.
A historia da marca, verbalizada baixo o claim «Dende 1955 partindo de cero», fala dun percorrido vital e dunha filosofía de traballo de reinvención constante. A busca incesante da excelencia enolóxica permitiu a adega de Prado de Miño posicionarse entre as máis premiadas do panorama internacional.
A idea do estoxo e a asa colocada de xeito inusual requiriu dun estudo construtivo minucioso. Utilizáronse materiais nobres, madeira de carballo autóctona para potenciar a orixe atlántica, e un peche magnético que acompaña á narrativa.
Os premios Best in Food están organizados por Best Awards e este ano cumpre a súa cuarta edición. Todas as pezas presentadas foron expostas na feira Alimentaria 2024 de Barcelona.