Convócase o segundo Premio Luís Seoane de deseño
O departamento de Cultura de Deputación da Coruña vén de lanzar a segunda convocatoria deste recoñecemento ao deseño galego.
O premio, que se suma aos outros galardóns dos distintos eidos culturais que cada ano outorga a Deputación da Coruña, xurdiu no 2025 baixo o comisariado do deseñador Pepe Barro. Na primeira edición foille concedido á firma de moda D-due, dirixida por Charo Froján e Alfredo Olmedo. Entre os seus múltiples méritos, o fallo do xurado destacou o seu vínculo co territorio, os procesos artesanais e a súa aposta por traballar no global desde o local, cunha proxección internacional desde o rural.
Ábrese agora unha nova convocatoria desta iniciativa que busca recoñecer a relevancia e valor dos traballos de persoas, traxectorias, colectivos ou entidades dedicadas profesionalmente a algunha das seguintes especialidades do deseño: gráfico e comunicación visual, dixital, de procesos, industrial e de produto, de espazos ou moda.
Poderán presentar unha proposta de candidatura argumentada para a concesión do premio todas as persoas físicas maiores de idade ou persoas xurídicas, interesadas na promoción do deseño, excepto as persoas membros do xurado. Cada propoñente só poderá presentar unha candidatura e non se admitirán autocandidaturas.
As persoas, grupos ou entidades propostas deberán ter como mínimo unha traxectoria de dez anos de dedicación profesional e ter exercido a súa profesión en Galicia ou ben, sendo galegas residindo fóra, presenten na súa traxectoria unha serie de obras relevantes realizadas para clientes galegos.
O prazo de presentación de candidaturas será do 10 febreiro ao 10 de abril do presente ano. O galardón único será de 6500 euros, suxeitos ás cargas fiscais correspondentes. A presentación da documentación farase preferentemente por medios electrónicos a través do modelo dispoñible na sede electrónica da Deputación da Coruña.