Sementares, o embalaxe creado por Uqui Permui, leva un European Design Awards
O proxecto Sementares non para de recoller premios. O deseño desenvolvido pola nosa compañeira Uqui Permui acaba de levar unha Prata nos European Design Awards, o primeiro desta categoría que recibe un packaging de produto galego. A gala de entrega dos premios celebrouse en Nápoles.
Sementares é unha nova produtora de sementes multi-especies que aposta por recuperar un produto de calidade, priorizando características como o valor nutricional e organoléptico das variedades tradicionais. Colabora cos agricultores galegos, analizando a trazabilidade e rexistrando variedades autóctonas a partir do material parental conservado nos bancos de Germoplasma de Galicia.
O embalaxe creado por Uqui Permui destaca non só polo seu deseño senón tamén pola utilización de materiais ecolóxicos, pola produción sostible e polo respecto ao medio ambiente. Expresa ademais a personalidade da marca Sementares resaltando o seu carácter de I+D e inspirándose nos envases farmacéuticos, pero sen perder o atractivo e a proximidade dun produto agroalimentario.
Os European Design Awards son un dos premios de maior referencia no sector do deseño, e reúnen a profesionais de toda Europa para competir nas diferentes categorías. Un xurado composto por especialistas nos diferentes ámbitos do deseño, avalían os proxectos presentados, tendo en conta a orixinalidade, a calidade, a innovación e a efectividade.