Sétima itinerancia da exposición FSWD: Identidade e territorio
«From Spain With Design», o proxecto expositivo da Rede Española de Asociacións de Deseño chega a Madrid tras inaugurarse en Santiago de Compostela en 2021 e itinerar por Aveiro, Valencia, Murcia, Badaxoz e Asturias. Estará ubicada na Central do Deseño Matadero desde o 1 de febreiro ata o 17 de marzo.
FSWD é un proxecto de READ concibido colaborativamente nos Encontros Nacionais de Deseño (ENAD) como unha ferramenta para a proxección do deseño español a nivel nacional e internacional. Dentro do conxunto do proxecto, que inclúe unha plataforma online responsive, unha publicación e un documental interactivo (en proceso), «FSWD: Identidade e territorio» é unha exposición viva. Ao conxunto de traballos que xa ten a mostra, tamén de socios e socias de DAG, incorpóranse propostas de profesionais e empresas de deseño madrileñas que ofrecerán un actualizado panorama do sector e das innovacións da disciplina na rexión.
Os traballos que se poden ver na exposición seguen un fío condutor a través de cinco eixos temáticos: Identidade e territorio, Interseccións, Internacionalización, Sostibilidade e Complicidades. A persoa visitante atopará máis de 100 pezas de deseño e un amplo programa de actividades paralelas desenvolvido por READ e DIMAD, que inclúe charlas e talleres, tanto para o público xeral como para profesionais e empresas.
A exposición está comisariada e coordinada pola nosa socia Uqui Permui (DAG), Ángel Martínez (ADCV), Gloria Escribano (DIMAD) e Juan Lázaro (Cuenca Diseño). Nesta ocasión, a mostra é posible grazas ao patrocinio de UDIT e súmase á programación do Madrid Design Festival 2024.