Temos novo socio na DAG!
Hello World! Coma nun xogo de nenos. O deseño constitúe o meu primeiro recordo, o meu primeiro xogo, e tamén o máis recente. É algo que vai nas veas. Dende cativo, sempre fun inquedo, curioso e creativo. A miña afección por inventar obxectos e plasmalos en debuxos e maquetas foi a miña preferida, ata que descubrín que podía vivir dela, facendo do Deseño, a miña carreira.
Hello World! Coma nun xogo de nenos. O deseño constitúe o meu primeiro recordo, o meu primeiro xogo, e tamén o máis recente. É algo que vai nas veas. Dende cativo, sempre fun inquedo, curioso e creativo. A miña afección por inventar obxectos e plasmalos en debuxos e maquetas foi a miña preferida, ata que descubrín que podía vivir dela, facendo do Deseño, a miña carreira. Proba e erro. A experimentación é a base da miña experiencia. Os deseñadores non somos especialistas no sentido estrito da palabra. Somos "todistas". A nosa curiosidade non se sacia nunca e sempre temos folgos para abrir campo a unha experiencia nova. Supoño que como a todos os meus compañeiros de profesión, as múltiples e variadas disciplinas que aprendín e practiquei á marxe do traballo foron as que me axudaron a progresar, posto que enriquecen a visión e a comprensión do meu contorno, case sempre pluridisciplinar e complexo. E de todas elas, a principal foi sempre o contacto coa xente, a discusión, o diálogo, a observación e en definitiva, o contacto coas persoas que me rodean. Volvo á casa. Máis de 5 anos fóra de Galicia dan para moito. A min bastáronme para aprender unha nova profesión ao carón do deseño, a de Visual Merchandiser, e para traballar para os máis grandes, para os máis esixentes. Os anos tamén deron para ver con perspectiva o Deseño Industrial que me veu nacer como profesional, e para desexar volver a esas orixes. A querer coller o lapis e o caderno de novo, para saír aos bares a falar e debuxar. A iso ando agora. Nada de momento no horizonte. Pero volver á casa cos tempos que corren dá ganas de tomar a iniciativa. Espero poder anunciarvos en breve o nacemento dunha nova empresa de deseño galego. Mantereivos informados.