Temos un novo socio!
Chámase Roberto Núñez e, como sempre facemos con cada nova incorporación á DAG, pedímoslle que nos falase un pouco del e da súa experiencia. Isto é o que nos contou.
Ola,
Son Roberto Núñez, director creativo cambadés establecido en Barcelona.
Empecei no mundo da comunicación no ano 2002 na Coruña. Formeime en axencias de publicidade de carácter rexional, logo nacional e máis tarde multinacional. DDB Barcelona marcoume moito. Neste período tiven a sorte de afrontar todo tipo de proxectos de comunicación para pequenos e grandes clientes de decenas de sectores diferentes.
O meu perfil foi evolucionado ao longo do tempo. Pasei pola redacción, programación, deseño, dirección de arte, dirección creativa, estratexia, ata a actualidade en que son un reflexo desta experiencia.
Nos últimos anos fixen unha transición profesional que desembocou de forma natural na miña propia marca e aventura persoal. Teño a oficina principal en Barcelona, pero tamén traballo puntualmente dende Cambados.
Creo na forza dos conceptos e na estratexia a longo prazo.
É un pracer formar parte da asociación.