Todo en marcha cara o 7º Foro de Deseño FEED
Os días 3 e 4 de novembro a DAG organiza en Santiago de Compostela a 7º Edición do FEED. O Foro de Deseño que vén celebrándose desde o 2010, é unha cita xa imprescindible para profesionais e estudantes de deseño na nosa comunidade.
O FEED é un evento bianual que organiza a DAG desde o 2013 en diferentes cidades de Galicia. O punto de partida destes encontros foi o FEET, un congreso orientado á edición e á tipografía que tivo lugar en Pontevedra no 2010 e que puxo sobre a mesa a importancia das reunións de profesionais do deseño en Galicia, creando o ambiente propicio para a posta en común de proxectos, investigacións e avances en deseño dentro da nosa comunidade, tendo repercusión a nivel nacional e internacional.
O obxectivo principal do FEED é o de establecer un espazo para profesionais e estudantes de deseño onde compartir experiencias e propiciar a reflexión e o debate dentro da nosa profesión, así como satisfacer a demanda de formación continua. Hoxe, é xa un evento de referencia no noroeste da península para todas as persoas e axentes económicos e culturais interesados nos valores innovadores do deseño.
O 7º FEED recupera os dous días de evento cun programa completo de seminarios de formación, conferencias, mesas redondas e presentacións de proxectos, dirixido a estudantes e profesionais de diferentes disciplinas.
Os dous obradoiros están dirixidos por equipos de deseño especializados en motion graphics e deseño de procesos produtivos: David Galar de Thru Motion e Marta Falcón. As sete conferencias planificadas estarán protagonizadas por profesionais de diferentes disciplinas. Ademais de David Galar de de Marta Falcón que falarán de deseño de interacción e deseño de servizos e de procesos, contamos con Isidro Ferrer (deseño gráfico e editorial), María Agra (deseño dixital), José F. López de Oiko Desing Office (deseño de produto), Ángela Monteagud de Clap (deseño de experiencias e de espazos). Anne Asensio, representante da Asociación para a Promoción da Creación Industrial de Francia (APCI) e membro da Organización Mundial do Deseño, contaranos a experiencia francesa de vinculación deseño/empresa e como se foi construíndo o ecosistema actual co que traballan.
Ademais haberá presentacións de proxectos de estudantes das Escolas Superiores de Deseño de Galicia e dúas mesas redondas participadas por conferenciantes.
O programa complétase coa exposición «a cociña de Barro» na Fundación DIDAC, impulsada polo socio Pepe Barro no seu 50 aniversario na profesión e toda unha vida adicada ao deseño e á investigación.
O FEED conta co patrocinio principal da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e co apoio do programa PICE Visitantes de Acción Cultural Española, do CGAC e da Fundación DIDAC. Colaboran tamén empresas e provedores locais como Serilúa, Axeitos&Co e Anduriña.
A imaxe gráfica do Foro é de Paula Cantero, socia de DAG, que resultou seleccionada tras unha chamada a proxecto interna. A venda de entradas lanzarase en setembro así que estade atentas ás nosas canles e anotade desde xa as datas na axenda.