Nova edición de Transferencias.design en Málaga
Os días 13, 14 e 15 de febreiro a comunidade do deseño trasládase a Málaga, onde terá lugar a IV edición de Transferencias.design, un encontro profesional que naceu en 2016 e que este ano se centra nas estratexias e na innovación en deseño e Administración Pública.
O Transferencias.design é un evento que xurdiu no terceiro encontro nacional de deseño ENAD, organizado por READ. Foi consolidándose cos anos e incrementou o seu valor cando pasou a ser membro do comité do Foro Transfiere. Cada ano a temática é diferente: deseño e transformación no século XXI, empresas e cambios desde o deseño, formación e educación en deseño...
O programa inclúe presentacións, obradoiros e seminarios. Este ano rende ademáis homenaxe a Pepe Cruz Novillo, que estará presente no evento o día 14 pola tarde. Haberá unha proxección do documental El hombre que diseñó España, do que é protagonista. A continuación haberá un coloquio no que participarán tamén o seu fillo e socio Pepe Cruz Novillo, e os produtores e directores do documental. O sábado 15, Xenia Viladás e The Room 1.0 guiarán o coloquio de clausura, para presentar as conclusións do evento e abrir o debate para a próxima edición.
O Transferencias.design Málaga 2020 desenvolve a súa programación o xoves 13 dentro do IX Foro Transfiere, polo que a inscrición ao evento inclúe tamén a inscrición como visitante do Foro, sen custo engadido.
Os seminarios e obradoiros de Transferencias.design realizaránse de forma simultánea, polo que os e as participantes só poderán inscribirse nunha actividade por cada franxa horaria. Os socios e as socias da DAG, así como o resto de asociacións de deseño pertencentes a READ, teñen desconto na compra da entrada. Ademáis haberá un desconto do 30% en Renfe nas viaxes en tren a Málaga para asistir ao evento.