Últimas semanas para presentarse aos Premios Anuaria de deseño
Os Premios Anuaria recoñecen obras de deseño gráfico e dixital. Os proxectos están agrupados en 25 categorías diferentes, cunha categoría especial para proxectos de estudos e un premio especial á traxectoria profesional.
O vindeiro 30 de novembro rematará o prazo ordinario para a presentación de proxectos aos Anuaria. Dende a organización fan unha chamada a profesionais e empresas de deseño de toda España a presentar traballos desenvolvidos entre 2019 e 2020. Os Premios Anuaria contan cada ano coa colaboración de asociacións e centros de deseño, que propoñen os nomes das persoas que integran o xurado. Nesta ocasión, a DAG estará representada por Simón Villamayor, deseñador gráfico e web e membro da actual Xunta Directiva.
Todas as obras premiadas serán publicadas na páxina web dos premios e difundidas a través das súas redes sociais e canles de comunicación. As persoas asociadas á DAG poderán beneficiarse dun desconto do 15% nas inscricións de proxectos.