Un novo Plan estratéxico para avanzar na organización da READ
A asemblea xeral da READ reuniu o pasado 16 de febreiro en Madrid a máis de vinte delegados e delegadas para avanzar na organización da plataforma que suma, neste momento, dez asociacións de deseño (ADCV, Eide, Di_mad, DAG, Cuenca diseña, AGA, Diex, Dip, AAD e Dis).
Alén de analizaren o estado dos proxectos en curso –como Transferencias, o Código deontolóxico, ou a Memoria do deseño– puideron coñecer as relacións que se están a establecer con novos aliados como Packnet e valorar as futuras redes que se construirán de forma inminente con Beda.
Como cada dous anos, procedeuse á rotación dos cargos e á DAG correspondeulle a vicepresidencia segunda que seguirá estando representada por Uqui Permui. Na vicepresidencia primeira estará Teresa Jular da DIP; na secretaría, Carlos Sagrado de Diex; na tesouraría, Marcelino de la Fuente de AGA; mentres que a presidencia fica so a dirección de Vicente Gallega, quen presentou o novo Plan estratéxico para avanzar na organización da asociación cunha estrutura de traballo baseada en seis puntos:
- Organización que os axude a seren máis operativos no funcionamento interno.
- Financiamento para conseguir desenvolveren os proxectos e accións de forma economicamente viábel.
- Estudar a representación das asociacións, tanto das que formen parte, como das que non, da Read.
- Pensar en como mellorar a transparencia da organización, visibilizando tanto o traballo que se realiza, como os representantes das asociacións.
- Ampliar a relación coas empresas.
- Iniciar relacións con asociacións doutros países, cos obxectivos de intercambiar experiencias, coñecemento e cultura, e estimular accións conxuntas de internacionalización.
Por último, canto á organización do 5ENAD, que este ano terá lugar en Valencia, propúxose facela coincidir coa Feria do Hábitat, polo que se situaría na segunda quincena de setembro.