Un obradoiro de Visual Thinking abrirá o FEED 2017
A encargada de conducir este workshop será Elena Urizar, unha profesional cunha grande experiencia en UX e facilitación visual.
Elena Urizar comezou a traballar a principios de 2000 no que agora se coñece como experiencia de usuario, defendendo a integración desta disciplina como elemento estratéxico no desenvolvemento de proxectos e colaborando cos clientes no estabelecemento do diálogo entre a súa marca e as novas canles de comunicación.
A súa carreira pódese definir como multidisciplinar. En etapas anteriores traballou como deseñadora en diversas axencias de publicidade e no Museo Guggenheim de Nova York e, tamén, xestionou contas de comunicación. Durante máis de dez anos foi a responsábel de definir e coordinar proxectos online en Indra Sistemas.
Arestora está a pór en práctica o valor da combinación de experiencias, o que lle permitiu desenvolverse como profesional independente da facilitación visual e formar parte activa do IFVP (International Forum of Visual Practitioners). No seu día licenciouse en Belas Artes, preparou un Máster en comunicación corporativa, virou experta en nutrición e planificación dietética e formouse como coaching relacional.
Alén deste obradoiro que se desenvolverá na sala Dídac en horario de mañá, á tarde Elena Urizar dará unha conferencia no auditorio do CGAC sobre as vantaxes de traballarmos con representacións visuais e desenvolvermos unha linguaxe visual que nos permita traducir o complexo en simple.
Información sobre a incrición en: