Un programa de actividades para potenciar a curiosidade dos nenos polo deseño
Esta é a proposta da Cidade da Cultura para este mes de xullo: cada martes un obradoiro distinto co que estimular a creatividade dos máis pequenos da man de destacados profesionais do deseño, a ilustración, a artesanía e a moda.
O programa, que comezou esta semana e está conducido polo noso socio Lois Guillán, creador de cucuducho, chámase Deseños minúsculos, valores maiúsculos.
A próxima sesión será o 12 de xullo con Argallar, un obradoiro que xirará ao redor da moda e do mar. A convidada nesta ocasión será a deseñadora industrial Beatriz Lema, quen lles proporá aos pequenos o emprego da pasta de modelado en frío para materializaren as súas creacións. Farán botóns con elementos mariños como cunchas ou callaos, mais tamén cremalleiras, abelorios e rendas.
A seguinte cita será Enredar, o 19 de xullo, con Idoia Cuesta. A artesá proporalles aos miúdos descubrir as fibras vexetais e experimentar con elas, creando diferentes formas e tamaños de peixes. Cunha base de varas de vimbio, as crianzas coñecerán sinxelas prácticas de tecido para confeccionaren as súas creacións.
E xa por último, Artellar, o 26 de xullo, coa deseñadora de moda Sara Coleman. Neste caso, a relación entre o mar e o téxtil será a que vertebre este obradoiro no que os máis pequenos modelarán formas tridimensionais a partir de la.