Uqui Permui galardoada cun Premio SERenidade pola campaña En negro contra as violencias
A nosa socia Uqui Permui acaba de ser distinguida cun dos Premios SERenidade que outorga Radio Galicia-Cadena SER, e que recoñecen o papel e a contribución á sociedade de persoeiros e institucións vinculadas a Galicia.
No caso de Uqui Permui prémiase o seu traballo como deseñadora da campaña En negro contra as violencias, nacida en 2015 da man do Concello de Santiago con Compostela en negro, unha iniciativa que conseguiu implicar arredor de 300 estabelecementos comerciais e axentes sociais do municipio nun obxectivo común: promoveren e faceren visíbel o rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres.
A acción consistiu en pintar de negro a cidade a través dos escaparates, os manequíns, a roupa de traballo. Vestíase así de loito Compostela en sinal da dor por todas as mulleres que sofren violencia machista.
O éxito alcanzado pola iniciativa fixo que, desde entón, máis e máis concellos, entidades e colectivos se fosen sumando con cada nova edición até espallarse por toda Galicia. En 2018, os concellos adheridos a En negro contras as violencias chegou aos 102, aos que tamén se sumaron 3 deputacións provinciais.
O acto de entrega dos galardóns de SER-Galicia terá lugar este mércores 12 de decembro nunha gala no Auditorio de Galicia.