VIII Edición dos Premios Paraugas en marcha
O Clúster da Comunicación organiza os VIII Premios Paraugas con cambio de sede e dúas categorías novas de premios: Paraugas de Ouro e Novos Talentos. O prazo de presentación de proxectos remata o 31 de outubro.
O próximo 17 de novembro terá lugar no teatro Jofre de Ferrol a gala de entrega dos Premios Paraugas que se distribúen este ano en seis categorías ordinarias e dúas novidades: impresión, deseño, creatividade, marketing, comunicación, eventos, máis a categoría Paraugas de Ouro, que será para o mellor traballo presentado de entre todas as categorías anteriores, e a categoría Novos Talentos, dirixido a promocionar ás novas xeracións.
Dentro da categoría de Deseño temos:
- Premio Paraugas ó Mellor Deseño Gráfico. Proxectos profesionais de identidade corporativa, embalaxes (no aspecto visual), editorial, tipografía, cartelería ou calquera outra aplicación que empregue a linguaxe visual gráfica como fundamento na transmisión de mensaxes ou ideas.
- Premio Paraugas ó Mellor Deseño Industrial ou de Produto. Proxectos profesionais de produtos, elementos de iluminación, mobiliario, sinalética, embalaxe (no aspecto estrutural), maquinaria, solucións de escenografías, exposicións, stands, punto de venda ou calquera outro obxecto ou espazo físico que busque mellorar a súa funcionalidade conxugando os procesos de fabricación ou construción coas necesidades formais ou comunicativas.
- Premio Paraugas ó Mellor Deseño Dixital. Proxectos profesionais de aplicacións para móbiles, páxinas web, interfaces de software ou calquera outra aplicación dixital que empregue a linguaxe visual gráfica como ferramenta para facilitar a interacción e a usabilidade con ela.
Os premios foron creados polo Clúster da Comunicación en 2016 con idea de poñer en valor o traballo que se fai en Galicia nas categorías que representa a entidade. Tedes toda a información da convocatoria deste ano na súa web.