Volve o Cañas y Tipos con Laura Meseguer e Berio Molina
O próximo 21 de setembro celébrase en Santiago unha nova edición do Cañas e Tipos, desta volta con Laura Meseguer e Berio Molina de protagonistas. Previamente, na Unitaria, haberá un obradoiro de tipografía stencil impartido pola propia Laura e a nosa socia María Ramos. As persoas asociadas a DAG beneficiaranse dun desconto do 15% na inscrición ao taller.
A décima tempada do Cañas y Tipos estréase en Santiago de Compostela coa presenza da deseñadora de tipografías Laura Meseguer, toda unha referente a nivel internacional; e o creador audiovisual Berio Molina que falará do seu proxecto de caligrafía sonora Setras.
A festa comezará ás 18 horas na Escola Unitaria de Santiago de Compostela ao remate do obradoiro Stencilmanía que impartirán Laura Meseguer e María Ramos no mesmo espazo. O obradoiro está destinado a persoas estudantes, profesionais e docentes de deseño e outras disciplinas afíns (ilustración, arte…), con nocións básicas de tipografía. Comezará ás 10 horas da mañá e rematará ás 17 horas da tarde, con descanso para xantar. Os socios e socias de DAG contan cun 15% de desconto na matrícula do curso.
Os Cañas y Tipos son eventos tipográfico-festivos autoxestionados que se desenvolven nun formato concreto de 2 charlas duns 20 minutos aproximadamente cada unha con profesionais relacionados coas letras, e un sorteo final, o Tipobingo!, de pezas e material doado por deseñadores e deseñadoras, coas consumicións que se realicen no local organizador.
Este é o cuarto Cañas y Tipos que se organiza en Galicia. O primeiro foi no espazo Sar 53, de Santiago de Compostela con María Peinado y Rubel Prol como protagonistas. O segundo foi en A Coruña con Manchea e Robert Janes. O terceiro celebrouse na cidade de Pontevedra, concretamente na sede da Asociación Cultural Kentada e contou con Marcos Dopico e Zeltia Iglesias.
O evento en Galicia está organizado polos socios de DAG María Ramos e Daniel Pino, xunto con Bernardo Paz, Yolanda González e Carla Bautís. A entrada é de balde ata completar o aforo.