Xa vos podedes inscribir no VI Congreso de Tipografía de Valencia
Xa está aberto o prazo de inscrición no Congreso de tipografía de Valencia. Celebrarase entre o 20 e o 22 de xuño e baixo o lema "Con carácter. Dez anos de tipografía en España (2004-2014), posto que neste 2014 o congreso cumpre dez anos de vida.
Os prezos das cotas de inscrición son de 80 euros para estudantes e desempregados, 110 euros para profesionais membros da ADCV e doutras asociacións de deseñadores, a DAG entre elas, e de 150 euros para profesionais e público en xeral. Todos aqueles que esteades pensando en acudir, debedes darvos présa porque só vos poderedes aproveitar destas cotas reducidas ata o 20 de maio, que será cando se lles aplique unha suba do 20%. Alén de asistir ao congreso, os máis novos aínda estades a tempo de participar na 3ª edición do Premio de deseño de tipografía Paco Bascuñán. A este premio só poden optar deseñadores de tipos menores de 25 anos (cumpridos antes de xullo de 2014) con nacionalidade española e residentes no territorio español. Admítense alfabetos compostos por glifos pertencentes a calquera dos sistemas de escritura coñecidos, mais non se poden presentar máis de dous traballos por autor e os alfabetos deben estar completos. A participación é gratuíta e o prazo para inscribirse remata o 2 de xuño. Máis información sobre a inscrición no congreso en: http://www.congresotipografia.com/inscripcion/ E sobre a participación no Premio de deseño de tipografía Paco Bascuñán en: http://www.congresotipografia.com/3a-edicion-premio-de-tipografia-paco-bascunan/