Xaneiro remata con Cañas y Tipos na galería Sirvent
A equipa organizadora do Cañas y Tipos Galicia presenta unha nova cita deste evento tipográfico itinerante. O Espacio Sirvent de Vigo será quen acolla o primeiro do ano 2026.
Deseño: Bernardo Paz
O sábado 31 de xaneiro a partir das 11.30 h, tedes unha nova edición de Cañas y Tipos en Galicia. Será en Sirvent (Gran Vía 129), tenda de mobiliario contemporáneo e galería de arte. Unha das participantes nesta ocasión é Joana Correia, fundadora de Nova Type Foundry, desde onde crea e distribúe as súas tipografías. Arquitecta e deseñadora de formación, descubriu que a súa verdadeira paixón eran as letras e agora tamén exerce de consultora tipográfica en Ligado Studio. Ademais, haberá tempo para coñecer máis da Colección Sirvent, unha das maiores compilacións de máquinas de escribir do mundo.
A entrada é de balde, mais recordade que este evento remata co Tipobingo, onde se sortean pezas e material doado por deseñadores e deseñadoras entre as consumicións que se realicen no local organizador.
Este é o oitavo Cañas y Tipos que se organiza en Galicia. O primeiro foi no espazo Sar 53, de Santiago de Compostela con María Peinado e Rubel Prol como protagonistas. O segundo foi na Coruña con Manchea e Robert Janes. O terceiro celebrouse na cidade de Pontevedra, concretamente na sede da Asociación Cultural Kentada e contou con Marcos Dopico e Zeltia Iglesias. O cuarto fíxose de novo en Santiago de Compostela, na Escola Unitaria, e acolleu as charlas de Laura Meseguer e Berio Molina. O quinto trasladouse a Carballo, ao espazo Movidas Coworking, e tivo como protagonistas a Maite Canet e Manuel Griñón. O sexto foi en O Milladoiro, no espazo Magenta Coop, e contou con María Ramos, Mou e Rubén Grilo. O sétimo volveu a Santiago, á Escola Unitaria, e tivo como invitados á deseñadora e docente Ana Moliz e ao artista e ilustrador Berto Fojo.
O evento en Galicia está organizado polos socios de DAG María Ramos, Bernardo Paz e Daniel Pino, xunto con Yolanda González e Carla Bautís.