A DAG renova a súa Xunta Directiva
O pasado 8 de xullo a asemblea xeral da DAG renovou a súa Xunta Directiva que queda configurada do seguinte xeito:
Presidente: Óscar Otero
Vicepresidente: Manuel del Río
Tesoureira: María Agra
Secretario: Segundo Fdez
Vogal: Suso Vázquez
Vogal: Marcos Dopico
Vogal: Irene García
O novo equipo vai estar á fronte da DAG durante os próximos dous anos e forman parte del moitas das persoas do equipo anterior, con algunhas modificacións en forma de altas e baixas. Abandonan a Directiva Raquel Boo, Cibrán Rico, Noelia Fernández e Rebeca Ces que, por mor de novos compromisos profesionais e/ou familiares, non teñen xa a dispoñibilidade que lles gustaría para seguir co seu labor. A todos eles, a DAG agradécelles o traballo realizado e o seu compromiso coa asociación. A nova alta é a de Irene García.
A Xunta Directiva cre que a existencia da DAG é chave para o porvir do deseño en Galicia, tanto para mellorar as condicións dos profesionais que o exercen día a día como para alcanzar unha mellor consideración do deseño na sociedade e no tecido empresarial, e, en liñas xerais, pretende continuar coas liñas de traballo xa abertas:
- Consolidar eventos en diferentes formatos (Feed, Encontro de deseñadoras e deseñadores galegos, charlas, foros) e idear outros novos que contribúan á visibilización e ao debate ao redor do deseño.
- Unir esforzos con outras asociacións para así aumentarmos a nosa capacidade de influencia en distintos ámbitos de decisión: no nivel europeo, estando no BEDA grazas á intermediación da READ; no nivel estatal, dentro da xa mencionada READ; e aquí en Galicia, desde o Clúster da Comunicación Gráfica.
- Reformular as canles de comunicación e organización internas da DAG para fomentar a participación dos seus socios.
- Reforzar e mellorar as relacións coas escolas de deseño de Galicia.