A recompensa polo traballo ben feito
Se para os labregos, o outono é a estación das colleitas, outro tanto pode aplicarse aos deseñadores e ás deseñadoras da DAG que ao longo de todo este mes de novembro están a recoller os froitos do seu traballo en forma de nomeamentos nos distintos certames de deseño nacionais e internacionais.
Sabendo isto, non podiamos deixar acabar santos sen traer aquí unha pequena recompilación das distintas distincións alcanzadas polos socios da DAG:
1) European Design Awards / ADC*E
Os primeiros nesta lista son Suso e Cibrán (desescribir) que este novembro sumaron outro recoñecemento máis para Lugares de Vari Caramés, o libro que deseñaran para Fabulatorio, premiado xa cun Laus de Ouro na categoría de mellor deseño de libro, mais que recentemente foi distinguido tamén cun nomeamento nos European Design Awards do Art Directors Club of Europe.
2) Premios Paraugas
No ámbito galego, o acontecemento do outono será a gala de entrega dos premios que concede o Clúster da Comunicación este venres 29 en Expourense. Como non podía ser doutro xeito, son moitos os socios e as socias da DAG nomeados nas distintas categorías:
Un dos socios máis nomeado quizais sexa Tony Le Brand, finalista en 5 categorías: na de mellor deseño dixital co traballo Resistencia desde 1906, na categoría de mellor creatividade gráfica con Resistencia desde 1906 – 0,0, na de mellor creatividade audiovisual por Fábrica de cervexas – Percebes – segunda edición, na de mellor estratexia/acción de branding polo Lanzamento marca R en expansión e na de mellor estratexia de comunicación interna de novo por Resistencia desde 1906.
Cómpre destacar a Winsock, finalista en dúas categorías: na de mellor traballo comercial (libro, folleto ou catálogo) impreso con tecnoloxía Indigo polo II Informe do Xurado de Expropiación de Galicia e tamén finalista na categoría de mellor deseño dixital pola web Macoga.
Por último, hai que salientar a presenza de Roberto Núñez finalista na categoría de deseño polo seu traballo Perfeccionista/Bodega Davide (packaging), xa premiado cun Platinum Pentawards e mais cun Wood Pencil, canda outros dous socios da DAG, o estudio lugués Sond3 pola imaxe corporativa de Evicc e a deseñadora Uqui Permui polo Xacobeo 2021.