Ana Boquete, unha nova incorporación que fortalece a DAG
Iniciamos a semana con boas novas, sumamos unha nova socia. Ana Boquete incorpórase á Asociación Galega de Deseño para aportar e colaborar no avance e mellora do deseño galego, como colectivo, como profesión, e tamén como parte importante do sistema educativo e da nosa historia. Nos vindeiros meses compartirá con nós parte da información recompilada na súa investigación sobre a historia da prensa galega. Xa podedes ler o primeiro artigo introdutorio.
Ola!
Son Ana, deseñadora UX.
Estudei Ilustración e Deseño Gráfico na EASD Pablo Picasso, sempre fun unha persoa curiosa e con moitas ganas de aprender; por iso, mentres estaba estudando Deseño embarquei no grao en Historia do Arte a través da UNED.
Comecei a miña carreira profesional no sector editorial, pero ao pouco tempo decidín formarme en UX, guiada pola miña paixón polas persoas e a tecnoloxía, e pasei a traballar nunha axencia de márketing deseñando produtos dixitais.
A día de hoxe, traballo en Corunet como parte do equipo de UX dunha multinacional do sector téxtil. Fóra do traballo gústame adicar tempo á investigación sobre a historia do deseño galego e gustaríame poder doutorarme neste tema algún día.
Entrei nesta asociación porque penso que pode ser un espazo de conexión con outras profesionais e o lugar axeitado no que construír grandes proxectos; penso que temos como asignatura pendente documentar a nosa historia dende a óptica do deseño e tamén traballar nunha educación superior pública e de calidade sen necesidade de saír de Galiza para estudar un mestrado ou doutorarnos en Deseño. Espero poder aportar todo canto estea na miña man e compartir consellos, proxectos ou ideas coas grandes profesionais que forman esta asociación.
Grazas por acollerme!