Charla de Sofía F. de Ana na EASD Pablo Picasso
A deseñadora visitará a Escola de Arte Superior e Deseño da Coruña o martes 11 de marzo, no marco das actividades programadas polo centro para conmemorar o 8M.
A nosa asociada Sofía Fernández de Ana (@sofia4design) impartirá a charla «Comunicar visualmente» coa que achegará a súa experiencia ao alumnado no eido do deseño gráfico desenvolvendo proxectos de identidade corporativa, packaging, publicacións e imaxe de eventos.
Licenciada en en Belas Artes e cun mestrado en deseño e comunicación polo Pratt Institute, School of Art & Design de Nova York, conta cunha longa traxectoria desenvolvida en distintos lugares do mundo. Desde os seus comezos facendo prácticas no estudio de Milton Glaser até o seu actual posto como creativa senior en Hifas da Terra (Pontevedra) pasou por Apple Design Source Inc e Russell Design Associates en Nova York e Frank Schröder London en Londres.
Xa en España, formou parte de B&R Nektarnet en Barcelona e traballou como freelance en Landor Associates e Interbrand, Madrid. En Galicia, dende o ano 2006, e tamén como profesional independente tivo por clientes a empresas e institucións como a Fundación Barrié, o Ministerio de Sanidad, o Concello de Pontevedra ou Bodegas Vivanco.
Ademais da súa intervención, que comezará ás 12.00 h, a Escola conta para ese día cunha exposición de versos que reivindican ás mulleres seleccionados do cancioneiro tradicional galego.