Chega unha nova edición do FEED
O FEED, o Foro de Deseño de carácter bianual que organiza a DAG, chega a súa sexta edición despois dun ano complicado, sen perder o espírito co que naceu: servir de punto de encontro para compartir experiencias entre estudantes e profesionais do deseño, tanto galegos como de ámbito nacional e internacional. Nesta edición conta co patrocinio oficial da Xunta de Galicia a través de AGADIC, e a colaboración do CGAC e do Museo do Pobo Galego.
A dinámica será a mesma que en edicións anteriores pero este ano aglutínase todo o programa nun so día, o 14 de outubro, xa que o 15, 16 e 17 de outubro se celebra o 9º Encontro Nacional de Asociacións de Deseño (ENAD) por asumir DAG a presidencia da Rede Española de Asociacións de Deseño (READ) entre os anos 2021–2023.
Como xa vén sendo habitual, no programa do FEED 2021 conviven distintas disciplinas da profesión: deseño gráfico, deseño de produto, deseño dixital, deseño de estratexia ou deseño de servizos e experiencias, as cales serán abordadas ao longo do día, nunha xornada dividida en dúas partes: a sesión de mañá adicada a dous obradoiros, e a sesión de tarde con seis conferencias e unha rolda final de preguntas entre relatoras e asistentes.
Os obradoiros realizaranse de forma simultánea en dúas salas habilitadas no CGAC e no Museo do Pobo Galego. O que se impartirá no CGAC, «Deseño informado por datos» céntrase en como os datos poden axudar a deseñar o mellor produto/servizo dixital posible. Está dirixido por Ricardo Tayar, e desenvolverase entre as 10.00 e as 13.45 h. O obradoiro no Museo do Pobo Galego, no mesmo horario, «Sistemas visuais flexibles», será impartido por Elio Salichs do estudio Two Points e nel as persoas asistentes traballarán un sistema visual versátil, capaz de adaptarse a entornos variados, estáticos e en movemento, amplos e reducidos.
Polo que respecta ás conferencias, estas decorrerán no auditorio do CGAC a partir das 15.45 h da tarde. Contaremos coa presenza de Laurent Ogel, Júlia Esqué, Laura Hernández, Ana Moliz, Pablo Honey e Verónica Fuerte. A participación de público profesional e do estudantado de diferentes escolas de deseño galegas dará pé a unha sesión de preguntas directas ás relatoras e o intercambio de reflexións sobre o deseño no mundo actual dende as súas experiencias particulares.
Debido ás restriccións actuais vixentes, os aforos para os obradoiros e as conferencias son moi limitados e as entradas para conferencias e o obradoiro de Twopoints esgotáronse en poucos días. Quedan algunhas prazas dispoñibles para o obradoiro de Ricardo Tayar.
O deseño da gráfica do FEED 2021 é dos nosos compañeiros e socios Adrián Parcero de Guillotina Estudio e Ángel Ramos.
Toda a información sobre o programa e inscricións pode atoparse na web do foro.