Comeza o ATypI 2018 Antwerp
Hoxe arranca en Amberes un dos congresos máis importantes para comunidade tipográfica mundial, o congreso anual da ATypI, Asociación Tipográfica Internacional.
Sen medo a exaxerar, pódese dicir que todas as persoas que importan no mundo das tipos fan parte da ATypI: deseñadores e editores de tipos, deseñadores gráficos e tipográficos, están todos aí. Os seus socios poden ser tanto individuos (deseñadores, directores de arte, educadores, calígrafos, canteiros, programadores) como organizacións, entre as que se inclúen fabricantes e vendedores da industria das artes gráficas, fornecedores de software etc.
Neste momento, a ATypI ten unha presenza global con membros en máis de 40 países, 20 dos cales teñen ademais os seus propios delegados. A administración ten a súa sede nos EUA e o actual presidente está no Reino Unido. A lingua oficial é o inglés.
Trátase dunha entidade sen fins lucrativos que é administrada democraticamente por un consello electo e que fornece unha estrutura para que a comunidade tipográfica se poida coordinar e actuar en conxunto.
Non só preservan a cultura, a tradición e historia dos tipos e tipografía, senón que entre os seus fins teñen:
- A promoción de fontes dixitais contemporáneas
- A valorización da excelencia tipográfica e do deseño tipográfico
- A realización de campañas para a proteccións dos deseños de fontes
- O exercicio de influencia nos lexisladores en todo o mundo
- A organización de congresos
O crongreso da ATypI decorre cada ano nunha cidade distinta. Montreal, Varsovia, São Paulo, Barcelona... foron algúns dos lugares que o acolleron en edicións anteriores, e este ano tocoulle a vez á cidade belga de Amberes.
Até alí desprazouse a nosa socia María Ramos quen participa como relatora en dúas actividades do intenso programa: unha mesa redonda sobre colaboración, autoría e contribución desde a perspectiva do deseñador de tipos ao mundo do deseño, e a conferencia Tipos de máquinas de escribir, buscar no pasado referencias para o futuro. Esta última é unha presentación que xorde da investigación sobre o tema que desenvolveu en Reading como parte do seu mestrado en deseño de tipografías, aínda que neste caso non estará centrada nunha única compañía (Olivetti) senón na evolución histórica e o proceso de deseño de tipografías para máquinas de escribir dunha maneira máis global.