Os Laus recoñecen o traballo de desescribir un ano máis
O pasado 30 de xuño a Asociación de Deseñadores Gráficos e Directores de Arte do FAD, ADG-FAD, entregaba en Barcelona os Premios Laus de Deseño Gráfico e Comunicación Visual.
Na edición deste ano concorrían 1100 proxectos en cinco categorías diferentes: Deseño Gráfico, Dixital, Creatividade Publicitaria, Audiovisuais e Estudantes, por tanto, nada nos alegra máis que saber que os nosos socios Suso Vázquez e Cibrán Rico, desescribir, se encontran entre os galardoados.
Nesta ocasión o traballo premiado polo xurado cun Laus de bronce na categoría de Libro completo foi Altres glòries, o libro que deseñaron para deumésu. Para este proxecto, os autores requirían dous bloques diferenciados: proposta e proceso, e unha estrutura capaz de ordenar un material gráfico variado e complexo acompañado de textos en dous idiomas. De acordo con estas indicacións, o libro concibiuse como un dossier. As páxinas aparecen divididas en dúas áreas, unha para cada idioma, e a narración gráfica discorre polo centro. Pola súa parte, os dous bloques de contidos (proposta e proceso) diferéncianse polo tipo de papel.