Presentámosvos a nova socia da DAG
Chámase María Ramos e, aínda que esta deseñadora de tipografías e gráfica xa levaba un tempo participando nas actividades da DAG, deu o paso de asociarse agora porque quere involucrarse máis activamente. Benvinda!
Hai anos que participo das actividades da DAG dunha ou outra maneira. Á fin chegou o momento de formar parte dela dunha maneira máis directa. Espero aproveitar esta oportunidade para afianzar vínculos, xerar novas colaboracións e axudar a fortalecer e dar visibilidade ó deseño feito por galegas e galegos dentro e fóra das nosas fronteiras. Os esforzos conxuntos son sempre máis poderosos e agradecidos.
Resulta especialmente interesante a heteroxeneidade dos ámbitos do deseño representados pola DAG, tanto na forma das súas socias e socios como nas actividades que a asociación difunde e das que participa. O intercambio de impresións, compartir experiencias e o debate son, sen dúbida, unha gran forma de medrar profesionalmente e como persoa. Confío en que a miña gratitude polo traballo desenvolvido os últimos anos se converta agora en contribución no que está por vir.