Setembro arranca coa presentación dun novo socio: Rodri Silva
As artes gráficas e o deseño van unidos no camiño de Rodri Silva. A súa traxectoria profesional nace dunha vocación presente xa na súa infancia, como el mesmo nos conta. Hoxe é o director creativo do estudio Hother, onde desenvolve proxectos de deseño gráfico e web. Benvido!
Hey!
Son Rodri, fundador e director creativo de HOTHER ESTUDIO, un estudio no que desenvolvemos proxectos de identidade visual, packaging e deseño web.
Sempre me gustou crear. De pequeno pasaba horas enchendo follas en branco con debuxos, pero tamén fixándome nas marcas, nos carteis, nas portadas dos libros ou nos envases que atopaba ao meu redor. Co tempo decateime de que detrás de todo iso había unha profesión, e souben que quería dedicarme ao deseño.
Comecei estudando Artes Gráficas en Pontevedra, unha etapa na que descubrín o valor dos procesos de produción e do oficio. Despois traballei durante dous anos no sector da serigrafía, participando en proxectos para clientes como Jaguar, Decathlon ou Renault Group. Esa experiencia axudoume a entender que o deseño non remata na pantalla, senón que cobra sentido cando se materializa.
Máis adiante cursei o Grao en Deseño na Universitat Oberta de Catalunya, mentres traballaba como deseñador para El Nogal. Co paso do tempo sentín a necesidade de seguir profundando na parte máis estratéxica e conceptual da profesión, polo que tamén realicei o Máster en Dirección de Arte na Universidade de Vigo. Durante esa etapa fixen prácticas en Reclam, combinando formación e experiencia profesional.
Hai seis meses decidín dar un paso que levaba tempo rondándome pola cabeza: crear HOTHER ESTUDIO. Foi a maneira de construír un espazo no que poder desenvolver unha forma de entender o deseño máis persoal, máis próxima e máis centrada nas persoas e nas marcas coas que traballo.
Entendo o deseño como unha ferramenta para dar forma ás ideas. Non se trata só de facer que algo sexa bonito, senón de construír significado. O contexto, a cultura, a tipografía, a cor, os materiais, a composición ou as pequenas decisións que ás veces pasan desapercibidas son as que fan que unha identidade comunique de verdade.
Gústame observar, analizar e aprender constantemente. Creo que esa curiosidade é a que me levou ata aquí e a que sigo alimentando cada día.
Teño moitas ganas de formar parte da Asociación, coñecer o traballo doutros profesionais, compartir experiencias e seguir aprendendo dunha comunidade que leva anos impulsando o deseño en Galicia.
Unha aperta!