VII ENAD. “Somos Cultura. Facemos Economía”
Os vindeiros 27, 28 e 29 de setembro terá lugar na cidade de Murcia o VII Encontro Nacional de Deseño organizado pola READ, asociación de ámbito nacional á que pertence a DAG.
O lema deste ano, “Somos Cultura, facemos Economía”, profundiza na necesidade de comunicar mellor o que se fai desde o punto de vista do deseño, como debe entenderse a profesión e o sector e a importancia que ten a nivel económico, social, cultural e medioambiental.
O evento conta cun amplo programa de presentacións e mesas de traballo participado polas once asociacións que conforman READ neste momento; e tamén por profesionais, asociacións, docentes, alumnado e organismos públicos e privados, do eido do deseño, que quieran participar.
Esta edición celebrarase en Murcia por ser DIP, a Asociación de Profesionais do Deseño e a Comunicación Publicitaria da Rexión de Murcia, a asociación que preside a READ ata comezos de 2021. Ata alí desprazaranse dúas compañeiras da DAG para traballar en común nas liñas de acción do sector do deseño e aportar a experiencia do traballo desenvolvido en Galicia.
Os días 27 e 28 están adicados a xornadas completas de traballo dentro do Centro Párraga, Centro de Cultura da Rexión de Murcia. Ademáis das conferencias e das presentacións de proxectos de READ, hai tres mesas de traballo nas que calquera asistente pode participar previa inscrición. A mesa 1 de estratexias de deseño, a mesa 2 do código deontolóxico para o deseño, e a mesa 3 do proxecto From Spain With Design. As conclusións desas mesas de traballo faranse públicas o día seguinte previo debate participativo. O domingo 29 está prevista unha visita cultural a Cartagena para aquelas persoas que dispoñan de tempo libre.