A nova Xunta Directiva da DAG
O pasado 29 de xuño na asemblea xeral que tivo lugar en Santiago de Compostela, a DAG elixiu a Xunta Directiva para os próximos dous anos.
Ao fronte do novo equipo encóntranse dúas deseñadoras: Irene García na presidencia e María Agra na vicepresidencia. Completan o resto do cadro María Ramos, na tesouraría; Lois Guillán, na secretaría; e Dani Bembibre, Adrián Parcero, Xosé García, Simón Windsock, Ángel Ramos e Óscar Otero en cadansúa vogalía.
En liñas xerais, a nova Xunta Directiva preservará actividades e proxectos que son xa un sinal de identidade dentro da DAG, como o FEED, que se converteu en evento de referencia para profesionais e escolas de deseño. Retomará os encontros como o de Rianxo, que tanto teñen contribuído á unión dos socios, e as charlas ou foros onde poder debater e opinar sobre aqueles temas que están presentes no día a día de todos os deseñadores.
No relativo ao asunto dos concursos, a DAG continuará contactando coas Administracións e organismos, e reuníndose cos representantes políticos responsábeis dos departamentos implicados, para trasladarlles a postura firme dos asociados en contra destas prácticas tan abusivas e pouco profesionais. Como se veu facendo até agora, ofreceránselles alternativas viábeis sobre outros formatos de contratación e buscaranse vías de colaboración para que contacten coa DAG antes do lanzamento da convocatorias. A este respecto, hai que dicir que, grazas ao traballo que está a desenvolver a Rede Española de Asociacións de Deseño (READ), e da que a DAG forma parte, denunciando os concursos especulativos, abandeirando o Código de Boas Prácticas no Deseño ou a Proposición non de lei estratexia do deseño que dignifica a profesión do deseñador, é posíbel que as administracións públicas freen esta práctica. Con todo, até que ese momento chegue, toca seguir traballando.